CINTIA FOLGUEIRA

Eu son Quiatia

HUGO LÓPEZ CASTRO

Eu son Eburo

CINTIA FOLGUEIRA
Pois a verdade é que levo máis de 12 anos na asociación, pero realmente xa participaba cos membros da asociación nalgunhas actividades no Arde Lucus.

HUGO LÓPEZ CASTRO

Empezamos cun pequeno grupo de xente que lle apetecía recrear, de feito a asociación máis ou menos naceu como un concurso que houbo no concello de montar un campamento e decidimos participar nós por libre e a partir de aí ao ano seguinte, bos, ao amigo dun amigo común que montou o campamento e a partir de aí xurdiu a idea de constituírnos como unha asociación.

CINTIA FOLGUEIRA

Empezamos a asociación no 2008 e eramos 6 socios nada máis os que fundaron a asociación pero realmente ano a ano foron aumentando máis, ao ano seguinte xa eramos 12 e así sucesivamente ata o que somos agora que xa levamos 13 anos dedicándonos a recrear e sobre todo vinculados ao Arde Lucus. Agora mesmo somos unhas 20 persoas, somos de bastantes xeracións porque a asociación cando empezou contou coa axuda, sobre todo de moitos pais, que nos axudaban cedéndonos as ferramentas ou vindo axudarnos a montar o campamento, mesmo moitos deles están agora na asociación e sobre todo tamén un pouco vinculados con irmáns, amigos, entón, ao final formamos unha gran familia.

Empezamos un pouco participando no Arde Lucus, uníndonos á festa e picounos un pouco e empezamos a recrear o que era o pasado castrexo que temos en Galicia, entón, recreamos un pouco os pobos preromanos que estaban aquí na península e sobre todo nós centrámonos nunha poboación que é a tribo dos Namarinis que estaría vinculada á parte costeira de Lugo.

HUGO LÓPEZ CASTRO

Os Namarini veñen ser un pobo castrexo, en principio situado ao norte da provincia de Lugo, estarían máis ou menos pola zona de Viveiro, Foz, e digo en principio porque estaba un pouco en discusión de onde se situarían os distintos pobos, pero ben, en principio decidimos ese pobo por recrear porque nos daba un pouco máis de xogo o tema marítimo e de comercio e entón pareceunos unha idea xenial para recrear polo xogo que che dá.

Eu na asociación estou desde os inicios, porque a nosa orixe previa á asociación foi un concurso que organizou o concello de Lugo de creación de campamentos ao cal só nos presentásemos nós, e fixéronnos alí un oco, empezamos máis orientados a festa que a recreación, claro eramos rapaces de 16, 17 cunha tenda de campaña mal tuneada, vestidos como se podía, pero ben, con iso xa nos entrou un pouco o gustiño pola recreación, vimos que había unha inquietude, gustounos moito o tema, non diría recreando porque daquelas era máis de festa, pero ben, aos poucos pasamos de algo máis festivo á propia recreación, e eses foron os inicios.

Empezamos pois iso, empezamos rapaces de 16, 17 anos, veña imos de festa e claro despois empezas a preguntarte cousas, pois isto gústame moito, pois non coñecía isto da cultura castrexa, uns falando con outros porque sempre uns saben dun tema, outros doutro, fomos aos poucos documentando ata que chega un momento en que o tomas moi en serio, case poderiamos dicir de rigor científico, de ler papeis, estudalo e dicir oe pois esta peza témola mal, tería que ser así e cousas así e xa chega un momento que te dás conta de que estás totalmente metido no mundo da recreación. Empezamos lendo os míticos libros que hai de cultura castrexa, lémonos uns cantos e despois xa entras ao nivel de especialización, pois quero saber como eran as diferenzas da cerámica da zona bracarense coa do norte de Lugo, e entón xa empezas a mirar artigos científicos e ao final cada vez que queres investigar unha peza nova ou algo novo tes que ir buscar un montón de bibliografía.

Os primeiros anos da festa, claro, como estaba a empezar, a xente un pouco gustáballe a festa pero non sabía moi ben…eu recordo que había xente que nos ten chegado a chamar os outros romanos, entón diso a agora, agora todo o mundo sabe que somos castrexos, que é unha cousa moi diferenciada, entón digamos que un pouco grazas á festa, a xente tamén foi aprendendo máis do que é, tanto a cultura castrexa como a romana.

CINTIA FOLGUEIRA

O financiamento do primeiro ano foi, empezamos con 50 euros e realmente grazas ao apoio da familia, axudábannos co transporte, facían de taxistas ou coas comidas ou mesmo deixándonos ferramentas ou axudándonos a montar o campamento e sobre todo ese apoio sempre moral de dicir estes rapaces que no canto de estar a facer outra cousa pois están un pouco pois tentando volver vivir a historia, o que foi o pasado de Galicia, e é iso están a tentar facelo e sempre nos axudaron ao longo de todo este tempo e sobre todo nos comezos, Despois si que é certo que fomos pedindo subvencións á Xunta ou ao Concello de Lugo e puidemos ser o que hoxe somos pero a verdade é que somos unha asociación que nunca pagamos cota de socios e sempre a todo aquel que quere unirse a nós, mesmo lles damos as teas, e instrucións mesmo para facer os traxes e demais, porque cremos que o que realmente importa é gozalo e non tampouco que sexa un gasto económico formar parte da nosa asociación.

O primeiro ano, no 2008, pois realmente é menos do que estades a ver aquí agora, por exemplo una das socias, sempre di que a primeira tenda que se fixo, doíanlle as mans de estalas cosendo ata o último momento para conseguir ter unha tenda, non eran do estilo das que temos agora, era un pouco máis pequena, pero bo, para o que era o Arde Lucus nese momento e para nós estar a gozar da festa, chegábanos. Si que vimos un pouco a evolución e sobre todo ir coñecendo cada vez máis ir investigando e sobre todo ir mellorando naquelas cousas e si que vemos unha evolución ao longo do tempo na asociación.

Ao longo destes anos temos visto que tamén o público e a xente de Lugo involúcrase cada vez máis ao principio pois era máis un pouco o tema concertos ou non tan vinculado a recrear o pasado de Galicia, senón era un pouco máis motivo de festa, pero si que temos visto que esta festa foi crecendo foi collendo moito peso a nivel histórico e se seguimos así poderiamos ser unha das festas de Interese Turístico Internacional, o que queremos conseguir este ano e esperemos que o logremos.
Ao longo do tempo estamos a facer diferentes talleres e por exemplo agora estamos co tallado de madeira, sempre estamos vinculados un pouco tamén á pesca e si que facemos as nosas características coracles que sempre lanzamos ao río e agora tamén hai uns anos que estamos co tinguido de liño e de lá, entón esa é particularmente a min, unha das actividades que máis me gusta, non? Como que dentro da asociación cada un imos tentando recrear o que a nós nos gusta.

HUGO LÓPEZ CASTRO

Temos talleres internos da asociación para elaborar, por exemplo calzado ou tipos de pezas ou cousas así, e o que sería xa en Arde Lucus, a recreación propia, non temos , nós diferenciámonos por non ter talleres concretos a horas concretas, nós facemos o modelo de castro vivo, chamámoslle que é que todos os membros están a facer cousas todo o día. Ti podes ir varias veces para ver o noso campamento e podes estar a ver cousas totalmente distintas, pode estar nese momento pois alguén co tear facendo pezas, pode estar alguén tallando madeira, podes ver mesmo adestramento de guerreiros en loita, ou sexa non hai un horario concreto, tentamos recrear coma se fose un museo vivo que ti chegues alí e vexas realmente como era a vida castrexa naquela época. Entón non che podería dicir un taller concreto porque realmente é un conxunto de cousas que sentes que estás a ver a vida castrexa. O da cervexa adóitalle gustar moito á xente, realmente ese ten certo interese, porque a xente claro non sabe a diferenza das cervexas de agora as de antes entón, ben, si que se interesan moito sempre che piden probala e ese tipo de cousas e ese a verdade é que chama moito a atención cando o facemos. Si e tampouco ten gas como a de agora, e entón sabe un pouco poderiamos dicir tirando como a sidra, digamos, cando queda sen gas ou unha cousa así, pero está boa tamén.

CINTIA FOLGUEIRA

A nosa localización no Arde Lucus sempre foi un pouco xunto con outras asociacións, entón iso, na miña opinión sempre nos axudou moito porque si que se ve moito compañeirismo e sobre todo moita unidade e sempre, se nos falta algo, van estar as outras asociacións aí. Nós montamos sempre tanto no Carril dos Fornos ou noutra localización posterior que si que eramos seis asociacións, e agora cando montamos no Parque de Rosalía sempre mantemos esa unidade, ese compañeirismo entre o resto das asociacións, entón para nós tamén é a esencia do Arde Lucus.
A nós algo que nos marcou moito como asociación foi o incendio que sufrimos no 2013, iso si que nos puido dar un xiro , realmente foi un baixón pero realmente conseguimos pois aquí estamos hoxe, 7 anos despois e si que foi un pouco un golpe, porque é iso, levabamos facendo todo de maneira artesanal, levabamos documentándonos e perder todo pois supuxo un punto de inflexión na asociación pero ben, como diciamos daquela, rexurdimos do lume e estamos aquí e iso é moi importante.

HUGO LÓPEZ CASTRO

Ardéronnos materiais que tiñamos de moitos anos, material cedido, outro que leva moito tempo facer por exemplo unha cota de malla, que a fixemos anel por anel fundiuse co lume e fóronse moitos meses de traballo, entón ben, é unha experiencia un pouco complicada, fai que teñas que volver empezar de cero.

CINTIA FOLGUEIRA

O incendio foi algo fortuíto que podía pasar en calquera momento, foi un curtocircuíto ocasionado neste caso noutra asociación e ao final pois o lume veu cara a nós todo era palla, madeira, ao final todo ardeu moi rápido e practicamente non tivemos forma de reaccionar a tempo e ao final en poucos minutos vimos como se perdía xa non só o que fixeramos ese ano senón todo o que levabamos facendo desde o inicio da asociación e xa non só danos persoais que puidemos ter tamén senón tamén un pouco de historia porque á fin e ao cabo as familias tamén nos cederon materiais de avós e cousas antigas que realmente non poderían ter un valor, un prezo no momento actual pero valor sentimental si tiñan bastante.

Si principalmente axudámonos nós, porque realmente vímonos con 1 extintor, sen saber que facer e realmente, afortunadamente había moi pouquiña xente, porque apenas 1 hora antes abrira o campamento, iso foi unha sorte, que non fose un momento de gran afluencia na castra, senón, si que aí, habería máis danos dos que realmente tivemos.

Algo que resaltamos do incendio sufrido durante o 2013 é o compañeirismo e a solidariedade que recibimos do resto das asociacións porque nos vimos no primeiro día do Arde Lucus sen ter os nosos materiais, sen poder facer moitas actividades e moitas actividades de nenos por exemplo quixémolas manter e si que grazas a outras asociacións, cedéronnos as súas instalacións, as súas pallozas e así puidemos levar a cabo o que tiñamos pensado durante esa fin de semana
Ben o tema do desfile, sempre somos, creo que queda moi vistoso e si que pode quedar mellor que vaian os romanos primeiro e despois nós, pero a orde non significa nada, ou sexa que vaiamos de últimos non quere dicir que sexamos menos importantes e creo que a festa si que ten… ese desfile tamén significa unidade por unha banda a parte romana que está unida pero tamén a parte castrexa que non lles imos a poñer nada fácil que queden aquí en Galicia.

O problema é que durante o desfile, que eu creo que ao final sempre imos moi pegados cos horarios e ao final hai un punto en que se vai atrasando e entón a xente ponse nerviosa e chega un punto en que din, ben xa vin a parte romana e os castrexos dánme un pouco igual pero se lles pasa iso, teñen a ocasión de vir aos nosos campamentos e ver realmente o que facemos non só é desfilar, tamén é recrear.

Ultimamente si que estamos a ver que rapaces de 17, 18 anos móstranse interesados en unirse a nós e para nós é moi importante, mesmo, sobre todo o que funciona moito é o amigo do amigo que ao final na asociación, xente que non nos coñeciamos de nada ao final pois vemos que temos estes interese comúns e que ao final pola recreación conseguimos formar esta unidade.

Pois a verdade é que para nós como asociación que se puidese nomear o Arde Lucus como Festa de Interese Turístico Nacional foi bastante importante porque vemos que estamos a chegar cada vez á máis xente xa non só que quedamos nunha festa a nivel Galicia, senón que tamén pois iso estase empezando a coñecer a nosa festa en toda España e sobre todo tamén ver que hai moitas asociacións de fóra que tamén se interesan en participar na nosa festa e de feito nós convidamos a algunha asociación como uns amigos que temos en Mérida, que tamén participan connosco xente de Cantabria, xente de Astorga, entón vemos que realmente esta festa vai crecendo e que o feito da declaración dálle máis importancia e sobre todo a capacidade de captar máis fondos para seguir mantendo esta festa.

HUGO LÓPEZ CASTRO

Eu a verdade sentín moi contento, podería dicir mesmo que orgulloso porque claro nós nacemos como asociación grazas ao Arde Lucus, entón considerámolo como unha festa que é parte de nós tamén, considerámonos partícipes, entón todo o que sexa bo para o Arde Lucus e todos os galardóns que vaia obtendo e toda a publicidade que vaia obtendo como festa pois a nós evidentemente alégranos e fainos sentir orgullosos tanto da festa como da nosa cidade, claro.

CINTIA FOLGUEIRA

Pois nós como convidados levamos moitos anos participando en Guerras Cántabras, en Currais de Buelna, tamén en Astorga participando en Astures e Romanos, e por exemplo no Emérita Lúdica en Mérida con estes compañeiros da asociación de alí e realmente tamén participaron en Hasting, en Inglaterra outra parte da asociación, entón un pouco tamén nós tentamos movernos xa non só en Galicia, senón tamén a nivel nacional e procurar amplialo a nivel internacional. Logo a nivel Galicia participamos en Xinzo de Limia na Feira do Esquecemento, si que houbo moitas festas que nos convidaron, unha de recente creación o Friulio que tamén participamos con eles.

Para min o Arde Lucus é un pouco incomparable, sobre todo porque a xente involúcrase moito. Eu fun a outras festas a outros pobos a outras cidades onde realizan este tipo de festas de recreación pero realmente ves como é máis selectivo, a xente que se víste, que se caracteriza son xente que está na organización da festa, pero aquí o que vemos en Lugo é que todo o pobo, toda a cidade, todos os barrios se van involucrar e se van caracterizar, van cubrir os balcóns e atavialos entón si que vemos que Lugo nese sentido é máis único e si que a cidade se empapa do Arde Lucus.

HUGO LÓPEZ CASTRO

A primeira vez que construímos a coracle e a botámos ao río porque partimos dunha arqueoloxía moi experimental, de non saber como se facía, de imos probar a ver que sae de aquí, entón houbo un pouco de nerviosismo.

CINTIA FOLGUEIRA

De feito definiriámola como parte do que facemos nós unha historia viva do que sería o mundo castrexo, para nós o Arde Lucus vivímolo como unha historia viva do pasado de Galicia.
A nivel asociación nós vivímolo máis sobre a marcha, porque van xurdindo cousas e para min sería a frase que definiría o Arde Lucus.

Pois eu creo que este primeiro período do Arde Lucus vai ser visto con bos ollos sobre todo porque van ver que realmente o tentamos, estamos a tentalo e estamos sempre en continuo crecemento e sobre todo estámonos documentando cada vez máis tentando ser máis fidedignos ao que sería o pasado histórico de Galicia, tanto romano como castrexo, e creo que o Arde Lucus se vai ver con bos ollos nun futuro e oxalá nun futuro xa sexamos Festa de Interese Turístico Internacional
Eu creo que a historia valorará moi positivamente estes primeiros anos do Arde Lucus, porque tamén verán que fomos evolucionando, que fomos crecendo, que nos fomos documentando cada vez máis e a festa foi alcanzando cada vez a máis xente, desde os nenos máis pequenos ata a xente máis maior que realmente se involucrou e preocupouse e participou no Arde Lucus.

Cremos que o Arde Lucus está ben promocionado pero podería estalo mellor e realmente é algo en que temos que facer máis fincapé en mellorar esa internacionalización si que é certo que cada vez veñen máis asociacións pois de Romanía tamén viñeron ao Arde Lucus , entón si que é certo que cada vez estamos a chegar a máis xente pero nunca é bastante, canto a máis xente cheguemos mellor.

Eu creo que a administración tería que tentar promocionar máis, que tamén os castrexos estamos aí, que tamén fixeron achados moi importantes, si nos deixaron un gran legado pero como que o romano é máis vistoso e o castrexo está un pouco menos valorado. Eu vía os primeiros Arde Lucus a xente caracterizábase de romano e agora si que vemos que van movéndose un pouco ao tema castrexo, e creo que igual é iso, a falta de coñecemento a falta de saber que tamén había outros pobos prerromanos que estabamos aquí e que é necesario que se lles dea valor.

HUGO LÓPEZ CASTRO

A festa na que se implica toda a cidadanía, realmente é algo que non é común ver, eu, de feito non o vin noutras festas, pode haber xente moi experta en recreación pero adoitan ser grupos reducidos ou grupos moi grandes pero sempre a xente da zona vai velo, pero aquí con todo é distinto, á parte de ir velo unha gran maioría da poboación de Lugo implícase, caracterízase e participa activamente. Entón eu definiríao a festa na que se implica toda a cidadanía de Lugo.