
CÉSAR 2004-2009
Comecei a ser o César do Arde Lucus, porque recibín a invitación dos concelleiros Carmen Basadre e José Manuel Díaz Grandio, e para min foi unha honra e unha gran responsabilidade que aceptei con gusto.
O primeiro ano foi no 2004, e o último o 2009, sendo concelleira Rosana Rielo.
Ao principio, nos primeiros anos do Arde, pensei que sería unha festa de cuadrillas, pero grazas á programación que foi impulsando o Concello, e ao gran traballo que fixo o equipo que organizaba a festa, ano a ano foi crecendo e motivando á poboación lucense.
O concello organizaba moitas actividades ata chegar ao 2009, no que xa se acometían 200 actividades, que recreaban o mundo romano e castrexo, con moitos números de animación e co Circo Romano, que segue sendo a día de hoxe unha das grandes atraccións do Arde Lucus.
A gran diferenza e evolución da festa, creo que estivo marcada pola aparición dos primeiros campamentos romanos e as primeiras asociacións que se foron formando, e máis tarde coa incorporación das castrexas, tamén, xa foi tomando forma a festa de recreación.
Nun principio a xente disfrazábase, pero cos talleres de costura e vestiario que organizou o concello, e que tiveron moito éxito, repartindo gran cantidade de teas e orientando aos distintos grupos, fixo que tanto maiores como pequenos se ataviasen correctamente.
Momentos emotivos tiven moitos durante o meu mandato e gardo un gran recordo dos primeiros desfiles onde me abrían paso as tropas para pasar entre elas.
Outro momento especial foi o Comilonum ao redor da Muralla, foi extraordinario ver a todo o mundo sentado comendo ao redor da nosa muralla, foi moi bonito,
O circo era e é impresionante e foi moi emocionante presenciar os xogos romanos e unha gran honra para min, presidilos.
A xente sempre foi moi xenerosa e afectuosa para a figura que eu representaba.
Fóra de Lugo, soamente fun a interpretar ao César a Xinzo de Limia, á festa de “O esquecemento”.
O Arde Lucus é unha festa con maiúsculas e xa se converteu en patrimonio de todos os lucenses.